Publicado no DOGA do 25 de FEBREIRO de 2021 as medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.
Medidas que entraran en vigor as 00:00 horas do 26 de Febreiro de 2021 e que afectan ao concello de Ribadavia no ámbito da actividade físico-deportiva:
A práctica da actividade física e deportiva NON FEDERADA:
A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico. No caso da práctica de forma colectiva, o máximo será de catro persoas de forma simultánea, sexan ou non conviventes, sen contar, de ser o caso, o monitor.
Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata catro persoas, sexan ou non conviventes, e sen contar o monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o trinta por cento da capacidade máxima permitida. Deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.
Deberán realizarse tarefas de ventilación nas instalacións cubertas durante un mínimo de 30 minutos ao inicio e ao remate de cada xornada, así como de forma frecuente durante esta e, obrigatoriamente, ao remate de cada clase ou actividade de grupo.
Os vestiarios e zonas de ducha poderán usarse cunha ocupación de ata o 30 % da capacidade máxima permitida, e procederase á limpeza e desinfección despois de cada uso e ao final da xornada.
A obriga de uso de máscara será exixible en todo momento durante a realización da práctica deportiva individual ao aire libre.
Parques e zonas deportivas de uso público ao aire libre:
Os parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas, pistas de skate ou espazos de uso público ao aire libre similares poderán estar abertos ao público sempre que neles se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados de espazo computable de superficie do recinto.
A práctica da actividade física e deportiva FEDERADA:
- A práctica da actividade deportiva federada de ámbito autonómico, adestramentos e competicións, axustarase aos correspondentes protocolos Fisicovid-Dxtgalego aprobados.
- As competicións deportivas federadas de nivel nacional e os seus adestramentos desenvolveranse de acordo co establecido pola Administración competente e de conformidade coas limitacións establecidas nos protocolos federativos correspondentes.
- As competicións deportivas federadas de nivel nacional e os seus adestramentos desenvolveranse de acordo co establecido pola Administración competente e de conformidade coas limitacións establecidas nos protocolos federativos correspondentes.
No ámbito das competicións deportivas oficiais non profesionais de ámbito estatal de modalidades deportivas que poidan implicar contacto que se realicen na Comunidade Autónoma de Galicia serán de aplicación as seguintes medidas:
- Os equipos e deportistas galegos que participen nas ditas competicións deberán realizar os adestramentos e a competición en grupos de composición estable e, en todo caso, deberán realizar tests serolóxicos ou probas similares cada 14 días naturais.
- A totalidade dos membros da expedición dos equipos e deportistas procedente doutras comunidades autónomas que se despracen á Comunidade Autónoma de Galicia para participaren nas ditas competicións deberán realizar tests serolóxicos ou probas similares en orixe polo menos entre 72 e 24 horas previas á celebración da proba/partido/competición.
Así mesmo, deberán comunicar con idéntica antelación ás autoridades sanitarias autonómicas a relación das persoas integrantes da expedición trasladada a Galicia, a data e a hora de chegada á Comunidade Autónoma galega e o lugar de aloxamento, así como o tipo de proba de detección de COVID-19 a que foron sometidas as ditas persoas.
As medidas previstas deben entenderse dentro do necesario respecto ás competencias das autoridades deportivas e sanitarias estatais, polo que serán aplicables sempre que resulten compatibles coas adoptadas polas ditas autoridades e mentres non existan medidas obrigatorias dimanantes delas que ofrezan un nivel de protección equivalente ou similar.
Competicións deportivas CON PÚBLICO
- A celebración de competicións deportivas con público, actividades en cines, teatros, auditorios, congresos e outros eventos e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas, poderá desenvolverse, sen superar o trinta por cento da capacidade permitida, con público, sempre que este permaneza sentado e que a capacidade se calcule, dentro da capacidade permitida, de forma que se garde sempre a distancia mínima de seguridade de 1,5 m nas catro direccións entre os asistentes, salvo que se trate de persoas conviventes, cun límite máximo de duascentas cincuenta persoas para lugares pechados e de cincocentas persoas se se trata de actividades ao aire libre.
- Co fin de evitar aglomeracións, a distribución dos asistentes será homoxénea polas butacas e haberá unha planificación axeitada para controlar os accesos e o fluxo de circulación dos asistentes. Debe preverse a apertura de todas as portas dispoñibles coa antelación suficiente.