O CONCELLO DE RIBADAVIA PRESENTA O PROGRAMA “ADESTRA A TÚA SAÚDE”

O Concello de Ribadavia reforza a súa aposta polo fomento da actividade física para mellorar a calidade de vida da poboación a través do programa “Adestra a túa saúde”.

O salón de plenos acolleu esta mañá a presentación de dito programa, que está enmarcado dentro do Plan Galicia Saudable e coordinado pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e que une ao Centro de Saúde de Ribadavia e ao Servizo Municipal de Deportes para mellorar a vida da nosa veciñanza maior, xa que pretende ser un proxecto de vida saudable e axudar así na prevención de enfermidades.

O PAC e o Servizo Municipal de Deportes están vinculados nunha plataforma, o que permite que os médicos de Atención Primaria deriven aos pacientes para que logo sexan atendidos polos técnicos deportivos, que tras a realizacion dunha batería de probas se lles deseña un plan de actividade física personalizado.

O programa, totalmente gratuíto, está dirixido á poboación de ao redor dos 60 anos, e ten unha duración de nove meses que se revisará cada tres, para avaliar a evolución da persoa.

O Concello de Ribadavia, é un dous poucos da provincia onde se está a levar a cabo, o cal se iniciou o pasado mes outubro e desde entón xa se sumaron á iniciativa 40 veciños e veciñas.

Ademais, desde o PAC de Ribadavia comezará a colaborar con este programa un nutricionista, coa intención de axudar ás e aos pacientes neste proceso cara unha vida máis saudable.