A Corporación Municipal de Ribadavia aprobou en sesión plenaria o cambio de uso do terreo do polígono deportivo Carballiño-Xestal para a construción da nova piscina municipal. Esta modificación do plan urbanístico é o primeiro paso necesario para dotar á vila dunha nova instalación acuática que substitúa á actual, ubicada na Veronza e construída a principios da década dos 80. Concretamente, fora inaugurada en 1982, coa singularidade de que se atopa en zona inundable, o que imposibilita a realización de traballos de ampliación ou mellora.
O goberno local avanza así en facer realidade o proxecto da nova piscina, moi demandada entre a poboación debido ao deterioro das instalacións actuais a causa do paso tempo, en parte polo feito de atoparse, como xa se comentou, en zona inundable. “É moi necesario dotar á vila dunha piscina nova, moderna, cómoda, adaptada ás necesidades actuais e conforme ás normativas vixentes”, resalta o alcalde, César Fernández. Trala aprobación do cambio, o Concello enviará a modificación á Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para facelo efectivo.