Esta mañá, o alcalde, César Fernández, e membros da corporación local achegáronse ao Centro Deportivo Municipal «O Consello» acompañados do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e a directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Ourense, Beatriz Fernández.
O Centro Deportivo vén de recuperar a súa actividade habitual o pasado 20 de abril, despois da modernización e transformación da planta baixa, tanto das salas de actividades dirixidas (Sala 1, Sala 2 e Sala ciclo-indoor) e Sala de musculación, que conforman a zona fitness, sí como dos vestiarios masculino e feminino con cadansúa sauna, e vestiarios adaptados (PMR) masculino e feminino. Ademáis, dunha Aula/Sala de xuntas e dúas Oficinas técnicas.
A visita institucional serviu para poñer en valor o resultado das actuacións executadas nunha infraestrutura deportiva fundamental para a actividade diaria de clubs, escolares e veciñanza.
A renovación do CDM «O Consello» era un dos compromisos adquiridos polo goberno municipal, enmarcado na súa aposta polo deporte e os servizos públicos.




